Thursday 09 de May de 2024

A concelleira de Turismo Diana Cabanas entregou os diplomas dos obradoiros Pequepincho


A actividade viviu a primeira quenda dos obradoiros hoxe no mercado de Santo Agostiño

A concelleira de Turismo, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, achegouse ao Mercado de Santo Agostiño na mañá deste sábado a visitar a primeira quenda dos obradoiros Pequepincho. A actividade englóbase dentro do Concurso de Tapas Picadillo para achegar tamén aos máis cativos da casa a aprendizaxe pola gastronomía e a cociña.

Estes obradoiros son gratuítos e teñen lugar no céntrico mercado municipal os sábados 21 e 28 de setembro en dúas quendas de 15 nenos e nenas entre 5 e 9 anos. Son todo un éxito de participación, xa que as prazas esgótanse desde días antes da súa realización.

Durante esta actividade, os pequenos e pequenas primeiro viven a experiencia de mercar os produtos no mercado de maneira divertida e despois coñecen de primeira man todo o proceso de elaboración de tapas doces e salgadas pero sobre todo saudables. Todos os participantes reciben un mandil e un gorro, ademais dun diploma acreditativo.

Esta actividade forma parte desde hai varios anos do Concurso de Tapas Picadillo que neste 2019 vive a súa décimo sexta edición. Nel, 65 locais de hostalería coruñeses ofrecen 83 diferentes tapas creativas e tradicionais entre o 13 e o 29 de setembro. Polo de agora, no ecuador do concurso, os locais participantes están contando cunha altísima participación.

Este tipo de accións englóbanse dentro da estratexia que está seguindo o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña para que a cidade destaque polo seu bo facer culinario, xa que cada vez máis persoas chegadas de todos os puntos de España e Europa visitan A Coruña pola súa aposta pola gastronomía atlántica.